O Universitario de Ferrol da Liga Feminina, convidado ao Torneo de Nadal do Arxil

Pontevedra
21 de decembro 2016

O partido disputarase o venres 30 de decembro no Centro Galego de Tecnificación Deportiva. O equipo pontevedrés, de vacacións ata o luns 26 de decembro

Mayte Méndez, nun partido de Copa Galicia entre Arxil e Cortegada
Mayte Méndez, nun partido de Copa Galicia entre Arxil e Cortegada / Mónica Patxot

Rival de entidade para o Club Baloncesto Arxil no seu tradicional Torneo de Nadal, que se celebrará o venres 30 de decembro (20:30 horas) no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

O conxunto pontevedrés recibirá ao Universitario Ferrol, único equipo galego que milita na máxima categoría do baloncesto feminino nacional e que actualmente ocupa a sexta posición na táboa.

Será unha boa proba de nivel para as de Mayte Méndez, que esperan coas vacacións de Nadal esquecerse das lesións e problemas físicos que lastraron o rendemento dalgunhas das súas xogadoras, como Waleska Pérez, Ana Román, Ana Martín, Carla Fernández, María Centeno ou Andrea Carrera, e poder así remontar posicións na Liga Feminina 2.

O cadro verde volverá aos adestramentos o luns 26 de decembro para empezar a preparar o primeiro partido do ano ante o Universidad de Oviedo, o 8 de xaneiro na capital asturiana, aínda que o farán nun lugar pouco habitual. Por falta de dispoñibilidade do CGTD, o Arxil adestrará ata o día 29 en Marín.