O virus de Epstein-Barr, un inimigo silencioso que deixou a Sergio Vallejo e Adrián Sieiro sen Xogos Olímpicos

Pontevedra
26 de abril 2021

"Non estou ben para nada para competir, o problema é que no día a día adestro fatal, este ano de feito víao moi difícil todo", recoñece Vallejo. A pesar diso e a quedar sen Xogos, lograron vencer o selectivo nacional de C-2 500, distancia que será olímpica en 2024 e na que competirán no próximo Europeo

Sergio Vallejo e Adrián Sieiro durante unha competición
Sergio Vallejo e Adrián Sieiro durante unha competición / Federación Galega Piragüismo

Chegaban a priori como favoritos para conseguir o pase ao Preolímpico de mediados de maio en Hungría, tras unha destacada traxectoria internacional nos últimos anos. Polo menos facíano a ollos da maioría, pero eles sabían o difícil que o tiveron nos últimos meses.

Sergio Vallejo e Adrián Sieiro (Piragüismo Poio Pescamar) viron no Selectivo Nacional disputado a pasada semana en Trasona como se esfumaban todas as súas opcións de converterse en olímpicos en Tokyo o próximo verán, obxectivo ao que entregaran todo o seu esforzo e anos de preparación. 

O seu segundo posto no C-2 1.000 metros, por detrás dos os andaluces Tano García e Pablo Martínez, pecháballes as portas.

Pese ao pau, Sieiro e Vallejo repuxéronse na última xornada do Selectivo para impoñerse no C-2 500 metros, proba que será olímpica en París 2024 e na que competirán no próximo Europeo. Non era o obxectivo principal, pero si unha recompensa a tanto esforzo.

"O problema que teño é que teño un virus, de Epstein- Barr, que é como unha mononucleosis", revelou tras a competición Vallejo, recoñecendo que "non estou ben para nada para competir. O problema é que no día a día adestro fatal, este ano de feito víao moi difícil todo".

 

Trátase dunha infección que non sempre se detecta, pero que provoca entre outros síntomas fatiga, dores musculares, de cabeza ou malestar xeral e que non conta cun tratamento rápido e efectivo que o combata. Sufrírono de feito outras deportistas de elite, como o ciclista Esteban Chaves, sendo similar ao que padeceu tamén a nadadora pontevedresa Bea Gómez.

"Estamos moi contentos do que logramos a pesar de que o realmente importante para nós que era para nós o C-2 1.000 metros despois dun ano duro non puido saír", explica pola súa banda o outro integrante do C-2, Adrián Sieiro, tras vencer no C-2 500. "Tivémonos que conformar con isto, que a partir de agora vai ser o olímpico e aí desenvolvémonos bastante ben". 

Ademais coa súa vitoria entran no proceso selectivo para o C-4 500 que competirá no Mundial e "deberiamos estar aí metidos", reafirma o pontevedrés convencido de que todo o esforzo de ambos terá recompensa.