Antía Jácome e Antía Otero rozan a clasificación pero quedan sen praza olímpica no C-2

Pontevedra
13 de maio 2021

As padexeiras da EP Ciudad de Pontevedra finalizaron en quinto lugar na final do Preolímpico de Hungría, o que as deixa sen praza para Tokyo. Antía Jácome aínda pode optar á conseguida pola madrileña María Corbera no C-1

Antía Jácome e Antía Otero na Copa del Mundo de Hungría en 2020
Antía Jácome e Antía Otero na Copa del Mundo de Hungría en 2020

Que pouco faltou! Antía Jácome e Antía Otero non puideron lograr este xoves a súa clasificación para os Xogos de Tokyo 2021 no Preolímpico de piragüismo disputado na localidade húngara de  Szeged.

A pesar da súa mocidade as padexeiras da EP Ciudad de Pontevedra partían entre as favoritas ás dúas prazas para os Xogos que se repartían no C-2 500 metros, sobre todo tras mostrar un bo momento de forma no recente selectivo nacional en  Trasona.

Con todo na quenda final só puideron ser quintas cun tempo de 2:09.27, deixándose ir nos metros finais tras ver como se lles escapaba entre os dedos a ilusión de ser olímpicas. As 'Antías' comezaron a regata con forza e pasaron no intermedio na segunda posición que lles outorgaba o billete a Xapón, pero finalmente víronse superadas polas tripulacións moldava e rusa.

 

En todo caso e aínda que o C-2 xa non poderá ir aos Xogos, a esperanza non se pechou do todo para Antía Jácome despois do papel da madrileña María  Corbera clasificando o C-1 200 metros para Tokyo. A pontevedresa gañara un sitio para o Preolímpico tamén na canoa individual, ao vencer no selectivo nacional, pero os técnicos da Federación decidiron que se centrase no C-2 cedendo o seu lugar. É por iso que agora terá a oportunidade de disputarlle a praza a Corbera nun novo control entre ambas as en próximas datas.

Aínda quedándose fóra a parella formada por Jácome e Otero, a primeira pasando por pouco os 20 anos e a segunda sen chegar a eles, demostrou ter futuro en apenas un ano de adestramento xuntas, e París 2024 non aparece tan lonxe no horizonte.