Os deportistas do Club Waterpolo Pontevedra poderán adestrar na piscina olímpica de Pontemuiños nas mesmas condicións que os nadadores do resto de clubs que fan uso desta instalación de forma habitual. O convenio asinado este mércores polo presidente do CW Pontevedra, Jose Tellería; e o presidente da Fundación Náutico Deportiva Rías do Sur, Héctor Vilariño; permitirá aos equipos do club acceder e utilizar a instalación despois de que a propia Fundación asumise a xestión do complexo deportivo polo peche decretado por Supera, empresa que xestionaba o ximnasio.
Desde o cadro pontevedrés, poñen en valor o traballo do presidente da Federación Galega de Natación, Carlos Touriño, que fixo de intermediario entre ambas as partes para posibilitar a negociación do convenio. Agradecen do mesmo xeito ao dirixente da Fundación Rías do Sur pola vontade e a dispoñibilidade mostrada para que, a pesar de non ser un club conveniado, todos os deportistas do Club Waterpolo Pontevedra puidesen volver facer uso das instalacións de Pontemuiños tras a firma deste convenio.
Puntualizan desde a entidade pontevedresa que o convenio durará mentres a situación da empresa concesionaria non se normalice e reinicien de maneira xeral a súa actividade. Cando isto ocorra terán que volver reunirse para renegociar o acordo e adaptarse aos horarios do resto de usuarios da piscina.