O Waterpolo Pontevedra organizará en Marín o Campionato de España Xuvenil de 2ª División

Marín
06 de xuño 2019

A competición, que terá lugar na piscina da Escola Naval Militar entre o 27 e o 30 de xuño, reunirá en Marín a 11 equipos de 9 comunidades autónomas

Equipo xuvenil do Waterpolo Pontevedra
Equipo xuvenil do Waterpolo Pontevedra / Club Waterpolo Pontevedra

A Real Federación Española de Natación confiou ao Club Waterpolo Pontevedra a organización do Campionato de España Xuvenil de 2ª Categoría.

A cita, que se incluirá dentro das actividades do 20 aniversario da entidade, celebrarase na piscina da Escola Naval Militar de Marín entre o 27 e o 30 de xuño.

O Nacional de categoría xuvenil supoñerá a participación de 11 equipos procedentes de 9 comunidades autónomas (Canarias, País Vasco, Valencia, Baleares, Aragón, Andalucía, Madrid, Murcia e Galicia).

Este campionato, sinala o Waterpolo Pontevedra, é ademais un "estímulo e motivación" desde o punto de vista deportivo para os seus xogadores, que poderán competir nun torneo do máximo nivel en casa e arroupados pola afección local.

Desde a organización contan que entre deportistas, técnicos e familiares o Campionato de España Xuvenil atraerá un mínimo de 300 persoas durante preto dunha semana.