O Waterpolo Pontevedra, preparado para estrear tempada en Primeira Nacional no 'desterro' da Escola Naval

Pontevedra
04 de outubro 2023

Sen acordo para poder usar nos seus partidos a piscina olímpica de Ponte Muíños, o club pontevedrés estreará o vindeiro sábado 7 de outubro (17.00 horas) a que será a súa segunda tempada consecutiva en categoría nacional recibindo na Escola Naval de Marín o CW Dos Hermanas

Equipo do Waterpolo Pontevedra que competirá por segundo ano na Primeira División Nacional Feminina
Equipo do Waterpolo Pontevedra que competirá por segundo ano na Primeira División Nacional Feminina / Club Waterpolo Pontevedra

Sen acordo para poder usar nos seus partidos a piscina olímpica de Ponte Muíños, o Club Waterpolo Pontevedra prepárase para estrear desde o 'desterro' da Escola Naval de Marín a que será a súa segunda tempada consecutiva na Primeira División Nacional Feminina.

O club pontevedrés recibirá na primeira xornada de competición (sábado, 17.00 horas) o CW Dos Hermanas sevillano, un equipo "con moita experiencia en competición nacional, que poñerá as cousas difíciles", aseguran desde a entidade pontevedresa.

O obxectivo será buscar un primeiro triunfo que supoña o paso inicial cara á permanencia na categoría, principal reto do equipo adestrado por Kike García.

"Esperamos que a piscina marinense se converta nun fortín co apoio do público", asegura o Waterpolo Pontevedra sobre as súas expectativas para a campaña.

Neste sentido cabe lembrar que a entrada aos partidos será de balde durante toda a tempada, pero ao tratarse dunha instalación militar será necesario inscribirse previamente por razóns de seguridade.