O Waterpolo Pontevedra roza no País Vasco o seu primeiro triunfo a domicilio na Primeira División Feminina

Pontevedra
21 de novembro 2022

O conxunto pontevedrés, que chegou a ir gañando o Leioa Waterpolo por tres tantos de diferenza mediado o encontro (3-6) terminou cedendo no tramo final do encontro penalizado polas expulsións

Partido entre Leioa e Waterpolo Pontevedra de Primeira División Feminina
Partido entre Leioa e Waterpolo Pontevedra de Primeira División Feminina / Club Waterpolo Pontevedra

A punto estivo de chegar a segunda vitoria consecutiva, que tería sido a primeira a domicilio, do Club Waterpolo Pontevedra na Primeira División Feminina.

O conxunto pontevedrés visitou a fin de semana o Leioa vasco, e só as expulsións que minguaron a súa rotación no tramo final do encontro impediron un triunfo de moito mérito.

As xogadoras adestradas por Kike García comezaron o choque con intensidade e dominando o marcador, chegando a mandar por tres tantos (3-6) ao descanso.

Con todo as sancións, con tres das súas xogadoras sen poder xogar no parcial decisivo por acumular tres expulsións cada unha, pesaron nos minutos finais. O bo facer defensivo nas inferioridades (ata 15 expulsións en contra e só 4 a favor) permitiu chegar con opcións ao cuarto decisivo (7-7), pero terminaron pesando demasiado para un marcador final de 13 a 10.

A pesar da derrota o Waterpolo Pontevedra regresou do País Vasco con bo sabor de boca e reforzado polo nivel ofrecido para a próxima xornada de liga, na que recibirá na Escola Naval ao último clasificado, o Marbella, nun partido importante na pelexa pola permanencia na categoría.