O waterpolo pontevedrés exporta talento ás categorías nacionais

Pontevedra
18 de outubro 2022

Ata tres xogadores formados na canteira pontevedresa xogarán a próxima tempada en categorías nacionais, sumándose á primeira participación do club na Primeira División Feminina

Marina Casado, xogadora pontevedresa de waterpolo
Marina Casado, xogadora pontevedresa de waterpolo / Club Waterpolo Pontevedra

O Club Waterpolo Pontevedra, nunha tempada especial ao ser a da súa estrea na Primeira División Feminina, non se esquece dos talentos que saíron da súa canteira e que tamén competirán este ano en categoría nacional.

En concreto son tres os xogadores pontevedreses que xogarán en equipos de diferentes puntos de España nas principais categorías.

A punta de lanza será Álex Andión, campión a pasada campaña da LEN Euro Cup co Sabadell e que nesta ocasión cambia de aires para xogar na máxima categoría nas filas do CN Rubí. "O meu obxectivo ao cambiar de club era poder de dispoñer de máis minutos e seguir crecendo en División de Honra", sinala o pontevedrés.

Andión segue os pasos de Marina Casado, pioneira no waterpolo pontevedrés ao facer as maletas en 2012 rumbo a Pamplona para difrutar do waterpolo de elite. Desde entón seguiu xogando, e esta liga farao na Primeira División Feminina co Waterpolo 9802, equipo co que "nos gustaría clasificarnos para os play-off competindo entre os 4 primeiros equipos da liga".

Por último aparece Diego Touriño, que esta tempada emigrou a Sevilla por estudos enrolándose no CW Sevilla, co que xogará en Primeira División Masculina. "Trátase dunha experiencia totalmente nova tanto nos estudos como no equipo", explica sinalando que o seu obxectivo será "buscar a miña mellor versión nunha cidade nova e cun equipo esixente en canto a rendemento".

Desde o Waterpolo Pontevedra seguirán moi de preto a evolución de todos eles.