O XXI Medio Maratón de Pontevedra supera xa o milleiro de inscritos

Pontevedra
04 de outubro 2016

A Sociedad Gimnástica estima un incremento do 15% na inscrición con respecto ao pasado ano, polo que esperan poder bater o record de participantes logrado en 2015, cando se anotaron 1.650 deportistas dos que 1.521 tomaron a saída

Participantes no XX Medio Maratón Cidade de Pontevedra
Participantes no XX Medio Maratón Cidade de Pontevedra / Diego Torrado

Aos poucos pero con paso firme o Medio Maratón de Pontevedra segue crecendo no número de participantes, unha tendencia que, todo apunta, repetirase na que será a súa edición XXI.

A proba atlética, peche do Circuíto de Carreiras Populares, supera xa o milleiro de inscritos a dúas semanas para a súa celebración.

Pechado o primeiro dos prazos habilitados pola organización experimentouse un incremento do 15% con respecto ao mesmo período do ano anterior, o que fai pensar en bater de novo o record de participación.

En 2015 foron 1.650 os deportistas inscritos, dos cales 1.521 tomaron a saída.

A inscrición manterase aberta ata o vindeiro martes 11 de outubro na páxina www.championchipnorte.com, cun prezo agora de 20 euros por atleta.

O XXI Medio Maratón de Pontevedra celebrarase o domingo 16 de outubro con saída ás 11:00 horas desde a ponte dos Tirantes e meta no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.