A cita atlética por excelencia do calendario deportivo da cidade, con permiso da popular San Silvestre, quenta motores para a que será xa a súa XXII edición.
O Medio Maratón de Pontevedra abriu inscricións para a proba que se disputará o domingo 22 de outubro e que pechará o V Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra.
A Sociedad Gimnástica, coa colaboración do Servizo Municipal de Deportes, aposta por dar continuidade á fórmula que tan bos resultados deulle nos últimos anos, cun importante incremento de participantes.
Por iso o percorrido da carreira será o mesmo que a pasada edición, con saída ás 11:00 horas da ponte dos Tirantes e dúas voltas a un circuíto urbano, homologado pola Real Federación Española de Atletismo, que terá a súa meta no interior do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
Complicado será chegar á cifra de atletas inscritos hai un ano, próxima aos 2.000 ao disputarse conxuntamente co Campionato Galego, pero a organización confía en manterse por riba do milleiro e medio de deportistas.
As inscricións para a XXII Medio Maratón de Pontevedra permanecerán abertas ata o día 17 de outubro na web www.championchipnorte.com, cun prezo de 15 euros se se formaliza antes de que conclúa o mes de setembro e de 20 euros ata o final do prazo.