Obxectivo cumprido: A Gimnástica sela a permanencia na División de Honra masculina e Primeira feminina

Pontevedra
16 de xuño 2019

O conxunto masculino do club pontevedrés continuará un ano máis na máxima categoría do atletismo nacional tras conseguir a permanencia cun terceiro posto na xornada final disputada en Córdoba. O equipo feminino fixo o propio en Valencia asegurando a súa continuidade en Primeira División

Equipo maculino da Gimnástica na final pola permanencia na División de Honra Sociedad Gimnástica

A Sociedad Gimnástica seguirá un ano máis na elite, despois de que o seu equipo masculino asegurouse en Córdoba a súa permanencia na máxima categoría, a División de Honra.

Os pontevedreses chegaban á terceira xornada do campionato no grupo de 8 equipos que debían pelexar na final pola permanencia, e o certo é que a Gimnástica protagonizou unha notable xornada para lograr o obxectivo de escapar dos últimos postos sen excesivos apuros.

Conseguiron o terceiro posto con 99 puntos, só superados polo vencedor, Unicaja Jaén (104 puntos) e AA Catalunya (103,5 puntos), pero por diante de Grupompleo Pamplona (95), CD Suco Aventura (90), Cueva de Nerja (86,5), Salamanca Atletismo (71) e Elche Decatlon (69).

A nivel individual a Gimnástica sumou os triunfos parciais de Ignacio Sarmiento nos 400 valos e da remuda 4x400 co propio Sarmiento, David Abalde, Roberto Tello e Ben Amar Djellal. Ademais Ben Amar Djellal foi prata no 800 e David Abalde (400 metros), Francisco López (110 valos), Pablo Martínez (altura), José Alfonso Palomanes (triplo salto), Daniel Chamosa (5.000 marcha) e Víctor Gallego (peso) conseguiron o bronce nas súas respectivas probas.

PERMANENCIA DO EQUIPO FEMININO

Tamén conseguiu o obxectivo da permanencia, no seu caso en Primeira División, o conxunto feminino na xornada final disputada en Valencia.

A Gimnástica conseguiu nas pistas do Turia o primeiro posto na clasificación xeral (105,5 puntos), superando a Hinaco Monzón (92,5 puntos), CA Silla (90), UCAM Cartagena (88), Lleida UA (87), Image FDR (86), AD Sprint (86) e CA Torrent (83).

Joselyn Brea (3.000 metros), Eva Arias (3.000 obstáculos) e Andrea González (xavelina) conseguiron senllas medallas de ouro, mentres que Paula de la Torre (800 metros), Lucía Ferrer (100 valos), Claudia Puig (disco), Iria Filgueira (martelo) e a remuda 4x100 sumaron segundos postos. Ademais foron bronce Cristina Garrido (100 metros), Xiana González (200 metros) e Sandra Carballo (peso).