Obxectivo cumprido para Nadiia Zholtikova, medalla en Romanía e billete para o Europeo U17

Pontevedra
13 de maio 2025
Actualizado: 17:44

Ao gran resultado da deportista do Club de Loita Pontevedra únese o logrado por Lydia Pérez en Madrid, ao proclamarse campioa da Copa da Raíña

Nadiia Zholtikova no Torneo Internacional Constantin Alexandru Federación Galega de Loita

Grandes resultados os conseguidos nas súas últimas competicións por deportistas do Club de Loita Pontevedra.

Até Romanía desprazábase a moza Nadiia Zholtikova no Torneo Internacional Constantin Alexandru & Ioan W. Popovici.

Tratábase dunha proba clasificatoria para o Europeo U17, e o obxectivo en Bucarest era precisamente lograr un billete para a gran competición continental.

Unha meta que logrou Zholtikova grazas a unha medalla de bronce, superando os seus dous primeiros combates e perdendo no terceiro. Todo iso na categoría de 53 quilos, unha por riba da que adoita ser habitual para ela.

Desta forma Nadiia gañou o dereito a competir no Campionato de Europa que se celebrará do 9 ao 15 de xuño en Skopje, Macedonia.

Non foi en todo caso o único gran resultado do Club de Loita Pontevedra nos últimos días, xa que a localidade madrileña de Tres Cantos acolleu a Copa da Raíña e alí estaba Lydia Pérez Touriño, que desde esta tempada adestra nun centro de alto rendemento en París.

A pontevedresa levou a medalla de ouro na categoría de -62 quilos, un triunfo que tamén conseguiu outra galega que durante anos se preparou no CGTD de Pontevedra, Nerea Pampín (Club de Loita Keltoi de Vila de Cruzamentos), en -68 quilos.

Tras esta competición aparece no horizonte o Campionato de España Sénior de Loitas Olímpicas que se disputará en xuño en Barcelona.