Estar entre os oito mellores equipos de España na categoría masculina era xa todo un triunfo para a Gimnástica, que esta tempada experimentou unha importante renovación no seu equipo absoluto. Por iso, o equipo pontevedrés saíu a gozar da competición na Copa do Rei de atletismo celebrada o pasado sábado no Centro Deportivo Municipal de Gallur de Madrid.
A Gimnástica non puido escapar da oitava posición con 35 puntos, a un do Simply-Scorpio, pero deixou boas sensacións nun campionato dominado polo FC Barcelona, que superou ao Playas de Castellón.
En canto aos resultados dos pontevedreses destacaron Lysvanys Pérez, que conseguiu un excelente segundo posto en altura cunha marca de 2,10 metros; David Ferrer, quinto en lonxitude e marca persoal de pista cuberta con 7,11 metros; Francisco López Smith e Emilio Antonio Martín Romero, que nas probas de 60 metros valas e 3000 metros conseguiron a sexta praza; e Víctor Gallego, que na proba de lanzamento de peso logrou un rexistro de 15,37 metros.
Reseñable foi tamén o papel do máis novo do equipo, o xuvenil Pablo Tojal, que estivo a piques de superar os 4 metros no salto con pértega, aínda que quedou cun rexistro de 3,60 metros.
Consulta aquí todos os resultados e clasificacións da XXXVI Copa do Rei de atletismo.