"Contra todo e contra todos". É a mensaxe coa que pechou filas o Pontevedra Club de Fútbol tras o polémico empate en Ferrol, compartido en mensaxes públicas por moitos dos protagonistas, desde xogadores até o adestrador e a propia presidenta, apoiando o comunicado oficial da entidade na que se queixa das "reiteradas decisións arbitrais que vén sufrindo o noso equipo ao longo da presente tempada".
Entre elas figuran ata once goles anulados, "varios deles en accións altamente discutibles, determinadas por decisións en xogadas grises onde ferramentas como o FVS, lonxe de achegar claridade, parecen estar a xerar maior confusión no labor arbitral", sinalaba o citado comunicado.
O Pontevedra pon o foco especialmente, ademais do propio encontro contra o Racing de Ferrol co tanto anulado a Compa no minuto 89, nos duelos contra o Real Madrid Castilla e o CD Lugo. O tres terminaron en empate cando os goles que agora están en discusión terían suposto importantes triunfos. De feito con eses 6 puntos extra os granates, aínda en posición de privilexio, estarían xa matematicamente clasificados para o play-off de ascenso discutindo a segunda posición ao Celta Fortuna.
Este é a listaxe de tantos que foron invalidados polos que se queixou a entidade de Pasarón, e que se unen a outras accións polémicas que crearon unha sensación de cansanzo na Boa Vila:
1- Xornada 6, Pontevedra-Talavera (2-1): Gol anulado a Vidorreta no tempo de desconto do primeiro tempo, no rexeite dunha falta lanzada por Yelko, por fóra de xogo previo (claro) de Alain Ribeiro cando o marcador era de 1-0.
2- Xornada 10, Pontevedra-Zamora (4-1): Tanto de Resende que non sobe ao marcador no minuto 76 con 3-1 por un axustadísimo fóra de xogo de Brais Abelenda.
3- Xornada 19, Avilés-Pontevedra (0-3): De novo aos granates anuláronlle un gol por un fóra de xogo milimétrico, de escuadra e cartabón. Tiago marcara no minuto 19, aínda con 0-0, pero en directo o árbitro asistente sinalara posición antirregulamentaria de Eimil. O partido por fortuna acabou cun claro triunfo por 0-3.
4- Xornada 23, Pontevedra-Real Madrid Castilla (0-0): Unha das accións máis polémicas e protestadas do curso. Joao Resende lograba marcar o que tería sido gol do triunfo no tempo de desconto á saída dun córner, pero o colexiado tras unha interminable revisión do FSV terminou anulando o tanto por interferencia de Luisao a un defensor estando en posición antirregulamentaria. Aínda que con moitos segundos de demora, o que creou gran discusión, o asistente sinalara finalmente fóra de xogo antes da revisión.
5- Xornada 25, Pontevedra-Lugo (1-1): Seguinte partido en Pasarón e a historia repetiuse con idéntico desenlace. Co duelo empatado e xa na prolongación, Miki Bosch marcaba nunha xogada embarullada na área, pero o colexiado non lle deu validez ao interpretar fóra de xogo de Vidorreta pese ao rebote dun defensa. Unha acción tremendamente protestada ao empezar xa acumularse as decisións en contra e que acabou con outra polémica decisión, a expulsión do Alberto Gil no banco que lle supuxo dous partidos de sanción.
6- Xornada 26, Osasuna Promesas-Pontevedra (0-0): Só unha xornada despois chegaba outro tanto invalidado no tempo de desconto e que tería dado os tres puntos, aínda que nesta ocasión o fóra de xogo de Joao Resende pareceu claro.
7 e 8- Xornada 29, Pontevedra-Ourense CF (0-0): Outros dous puntos que voaron de maneira polémica no derbi contra o Ourense, esta vez con goles non válidos por partida dobre. No minuto 3 de partido Compa anotaba a porta baleira nunha contra comandada por Rubén López, ao que le achacaron unha falta previa tremendamente discutida. No minuto 22, a historia repetíase esta vez por fóra de xogo do propio Compa na asistencia de Alberto Gil.
9- Xornada 31, Pontevedra-Barakaldo (2-0): Aínda con 0-0, no minuto 22 de xogo, Luisao gañáballe unha disputa nun balón en profundidade a Oier López e batía o porteiro do Barakaldo. Con todo a instancias do FVS o colexiado terminaba anulando o tanto por unha suposta falta do xogador granate, nun lixeiro contacto na pugna co central. A acción supuxo a expulsión de Rubén Domínguez por protestar.
10- Xornada 32, Pontevedra-Ponferradina (3-1): O hat-trick de Alain Ribeiro contra os bercianos puido ser un póker, pero con 1-0 aínda no electrónico foille invalidado un tanto por fóra de xogo no inicio da xogada, no minuto 20.
11- Xornada 35, Racing de Ferrol-Pontevedra (0-0): A xogada que fixo estalar ao Pontevedra, que unha vez máis queda sen dous importantes puntos. A diferenza neste gol de Compa no minuto 89 na Malata é que a acción foi validada en directo nunha decisión modificada despois pola entrada da videoarbitraxe e baseándose nunhas imaxes que deixan moitas dúbidas sobre a falta sinalada a Luisao no inicio da xogada.