O Pontevedra pide "o respecto que até agora sentimos que non se nos está concedendo"

Pontevedra
02 de maio 2026
Actualizado: 20:23

A entidade granate mostrou o seu descontento pola actuación arbitral no derbi co Racing a través dun comunicado. Xa son once goles anulados, "varios deles en accións altamente discutibles"

O Pontevedra CF coa súa afección na Malata
O Pontevedra CF coa súa afección na Malata / Pontevedra CF

O Pontevedra Club de Fútbol quixo manifestar a través dun comunicado oficial o seu descontento pola polémica arbitraxe sufrida no derbi co Racing de Ferrol este sábado.

Desde o club expresan "a súa profunda preocupación polas reiteradas decisións arbitrais que vén sufrindo o noso equipo ao longo da presente tempada".

Todo iso desde un ton institucional, xa que cren necesario "alzar a voz con firmeza, pero tamén con elegancia".

"Somos un club histórico, cunha traxectoria, un escudo e unha afección que merecen o respecto que até agora sentimos que non se nos está concedendo", afirman no comunicado.

Xa son once goles anulados ao Pontevedra no que vai de tempada, "varios deles en accións altamente discutibles".

O texto fala de encontros pasados como o do Lugo e Madrid Castilla, e pon o foco no deste sábado disputado na Malata: "Ferramentas como o FVS, lonxe de achegar claridade, parecen estar a xerar maior confusión no labor arbitral"

É por iso que a entidade lerezana considera que se está afastando ao equipo do obxectivo de loitar polo play-off de ascenso a Segunda División.

Finaiza o comunicado cunha frase tan firme como clara: "Porque respectar ao Pontevedra CF é respectar a súa historia, o seu escudo e a toda a súa xente".