O Open Internacional de Taekwondo Cidade de Pontevedra, 27 anos á vangarda

Pontevedra
29 de outubro 2025

A competición organizada polo Mace Sport utilizará "por primeira vez en España" o sistema GEN3 cun sensor de puño integrado. Reunirá preto dun milleiro de deportistas o 1 e 2 de novembro

Presentación do XXVII Open Internacional Cidade de Pontevedra de Taekwondo
Presentación do XXVII Open Internacional Cidade de Pontevedra de Taekwondo / PontevedraViva

Son xa 27 edicións, pero mantendo as ganas de mellorar e seguir innovando.

Así se presenta unha nova edición do Open Internacional de Taekwondo Cidade de Pontevedra, que o Club Mace Sport organiza este sábado 1 e domingo 2 de novembro no Pavillón Municipal dos Deportes.

"Foi dos primeiros en introducir no seu momento o peto electrónico", lembrou na presentación do evento a vicepresidenta da Federación Galega de Taekwondo, Noelia Pérez.

Esta vez van un paso máis aló e "vaise a utilizar por primeira vez en España o sistema GEN3", que conta cun sensor de puños integrado, segundo explicou o seu principal responsable e dirixente do club pontevedrés, Miguel Cortegoso.

No Pavillón Municipal dos Deportes daranse cita un total de 978 deportistas de 75 clubs, chegados desde todos os recunchos do territorio nacional pero tamén de Portugal e até de Colombia.

Será unha fin de semana de intensa actividade, que arrincará ás 9.00 horas do sábado coas competicións infantil, máster, junior masculino, sénior masculino e de lendas en horario matinal e a partir das 16.00 horas continuará coas categorías precadete, junior feminina e absoluta feminina.

Para o domingo 2 de novembro, a partir tamén das 9.00 horas, queda a competición de categoría cadete.

No Pavillón Municipal dos Deportes instalaranse 10 tapices de competición, nun evento que será retransmitido en directo a través de Youtube pola canle especializada UPTKD.

A presentación do XXVII Open Internacional de Taekwondo Cidade de Pontevedra contou tamén coa participación do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez; a concelleira de Deportes, Anabel Gulías; e o responsable provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides.