Un Open Vila de Marín de Boxeo cada vez máis internacional

Marín
05 de marzo 2026
Actualizado: 12:56

A próxima edición do evento, prevista para os días 1, 2 e 3 de maio, contará con representación de deportistas de 12 países procedentes de tres continentes, reforzando o seu carácter internacional

V Open Vila de Marín de Boxeo
V Open Vila de Marín de Boxeo / Team Thunder

Non para de crecer ano tras ano, e por iso converteuse xa no maior torneo de boxeo olímpico de España.

O Open Internacional Vila de Marín de Boxeo volverá romper rexistros na súa próxima edición, prevista para os días 1, 2 e 3 de maio.

Segundo desvela o Team Thunder, club organizador, a case dous meses da súa celebración pechouse a inscrición confirmando a presenza de máis de 750 deportistas.

Serán ademais boxeadores chegados de até 12 países de tres continentes, reforzando o carácter internacional do evento.

Espéranse púxiles de Estados Unidos, Canadá, Nixeria, Luxemburgo, Eslovaquia, Reino Unido, Irlanda, Países Baixos, Dinamarca, Alemaña e Portugal, ademais dos deportistas nacionais.

Por todo iso o Team Thunder asegura que ademais de tentar ofrecer unha gran competición deportiva, o obxectivo do Open Vila de Marín será un ano máis "impulsar o desenvolvemento do boxeo base, fomentar o intercambio deportivo entre países e achegar este deporte a novas xeracións".

A de 2026 será a sexta edición do evento puxilístico, que o pasado ano foi escenario dun total de 375 combates entre os seus tres días de competición, disputados no pavillón do Colexio San Narciso.

Naquela ocasión foron arredor de medio milleiro os deportistas participantes entre todas as categorías, cifra que desta vez será superada de maneira importante prometendo tres emocionantes xornadas de boxeo.