Organizan unha viaxe gratuíta en autobús para apoiar o Pontevedra en Talavera

Pontevedra
02 de maio 2023

O desprazamento estará subvencionado por tres empresas colaboradoras, polo que os afeccionados só terán que desembolsar o custo da entrada para o partido, que se disputará o vindeiro domingo 7 de maio ás 12.00 horas

Partido de Primera RFEF entre Rayo Majadahonda e Pontevedra CF no Cerro del Espino
Partido de Primera RFEF entre Rayo Majadahonda e Pontevedra CF no Cerro del Espino / MosRey Fotografía

A catro xornadas para o final da liga e con catro puntos de desvantaxe coa zona de salvación, o Pontevedra Club de Fútbol está xogándose o futuro. O triunfo da pasada fin de semana contra o Sanse reavivou as opcións de permanencia, pero todo pasa agora por volver sumar de tres fóra da casa.

Con este panorama aparece no horizonte un duelo vital, o que medirá aos grantes o vindeiro domingo 7 de maio ás 12.00 horas co actual último clasificado, o CF Talavera, no Estadio Municipal El Prado, e desde o club pontevedrés púxose ao dispor dos seus afeccionados un desprazamento de balde en autocar.

Grazas á achega de tres empresas colaboradoras como San Marcos, Frigoríficos de Pontevedra e Talleres Hemicar os seguidores que queiran sumarse á viaxe só terán que desembolsar o custo da entrada.

Os prezos para o partido, na bancada destinada para a afección visitante (Fondo Virgen del Prado), son de 15 euros para o público adulto e de 10 euros para o infantil, podendo adquirise os billetes a través da páxina web do Talavera.

O autobús de afeccionados ten prevista a súa saída ás 3.00 horas da madrugada do propio domingo desde o Pavillón Municipal dos Deportes para regresar tras o encontro, sendo posible reservar praza nas oficinas do Estadio Municipal de Pasarón ata as 19.00 horas do xoves.