Os coches bloquean a entrada á nave do Ciudad de Pontevedra

Pontevedra
12 de agosto 2019

O presidente da Escola de Piragüismo denuncia unha situación que se repite "sempre que hai festas" e xa pediron a Portos de Galicia a instalación duns  bolardos, aínda que non recibiron resposta

Nave da Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra no peirao das Corbaceiras
Nave da Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra no peirao das Corbaceiras / PontevedraViva

Os problemas seguen acumulándose para a Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra. Á falta de espazo para almacenar as súas embarcacións súmase o malo costume dalgúns condutores de facer caso omiso das marcas viarias e do vao permanente ao estacionar os seus vehículos diante da entrada ao almacén. "Cando hai festas pasa sempre, a xente non sabe que se nos aparcan diante bloquéannos", lamenta o presidente do club, Óscar Ponche.

O último episodio ocorreu o domingo, cando os piragüistas chegaron á sede do club para cargar as furgonetas e ir adestrar atopáronse cun vehículo aparcado diante da nave do peiaro de Corbaceiras que lle impediu saír coas furgonetas e os remolques. "Non puidemos adestrar", afirma o dirixente do club farto dunha situación que se repite demasiado.

Cando ocorre, chaman á Policía Local para presentar a pertinente denuncia. Os axentes acoden ao lugar e o guindastre adoita retirar os coches, pero "como mínimo perdemos media hora", critica Ponte.

Desde o club xa se puxeron en contacto con Portos de Galicia para solicitar a instalación duns bolardos diante da entrada. "Mandamos unha carta, pero non recibimos resposta", explica o presidente.