Os dragóns tomarán esta fin de semana o encoro de Verducido polo campionato de España desta modalidade de piragüismo

Pontevedra
09 de agosto 2023

O evento contempla a participación de 600 padeeiros de categoría sénior en embarcacións de 22 e 12 deportistas procedentes de diferentes comunidades autónomas do territorio español

Presentación do campionato de España de barco dragón Concello de Pontevedra

As augas do encoro de Verducido acollerán esta fin de semana o campionato de España de barco dragón, unha modalidade de piragüismo que non deixa de gañar adeptos.

Ao longo de toda a xornada do 12 de agosto e durante a mañá do 13 celebrarase este evento nacional no que participarán preto de 600 deportistas con idades comprendidas, na súa maioría, entre os 35 e 50 anos procedentes de diferentes comunidades autónomas de España.

"Con este campionato achegamos tamén algo de deporte ás festas", declarou a concelleira Anabel Gulías na presentación do torneo na que participou tamén o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Fredi Bea. 

A competición constará de diferentes regatas sobre as distancias de 500 e 200 metros e con embarcacións de 22 e 12 tripulantes. A modalidade de dragón inclúe, ademais dos padeeiros, un temoneiro e un tamborilero, que é o encargado de marcar o ritmo das paladas.

Unha das particularidades desta disciplina, moi popular en Asia e cada vez máis exitosa en España e Europa, é que no campionato participarán máis mulleres que homes. "O 58 % das persoas rexistradas son mulleres", destacou con orgullo o presidente da Federación lembrando que se trata dun deporte moi recomendable para mulleres que padecen cancro de mama porque serve para fortalecer grupos musculares que favorecen a recuperación. 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora