Os escolares de Marín, a golpe de remo

Marín
14 de decembro 2018

O pavillón municipal da Raña foi escenario este venres da segunda edición do Trofeo Ence-Concello de Marín de Remo Ergómetro, incluído dentro da programación da Semana Abanca

Equipo de A Laxe, gañador do Trofeo Ence-Concello de Marín de Remo Ergómetro Semana Abanca

O pavillón municipal da Raña foi escenario este venres da segunda edición do Trofeo Ence-Concello de Marín de Remo Ergómetro.

Esta competición escolar, incluída dentro da programación da Semana Abanca, congregou a nove centros escolares, sete deles de Marín e outros dous de Pontevedra: O Sequelo, A Laxe, Carballal, Ardán, Seixo, Inmaculada, San Narciso, Sagrado Corazón de Praceres e Salvador Moreno.

En total foron 225 os participantes, de 5º e 6º curso de Primaria.

O equipo vencedor, "A Laxe", gañou unha excursión cultural para todos os alumnos do colexio, á cidade de Lugo. O segundo e terceiro clasificados foron "Seixo" tamén de Marín e "Praceres" de Pontevedra.

Para preparase para a cita, os colexios tiveron a oportunidade de practicar co remo ergómetro durante dúas semanas. O obxectivo de todos, repartidos por equipos, era que as máquinas marcasen o máximo de metros posible de percorrido, para o que cada participante contaba cun minuto de tempo.

A xornada estivo organizada polo Concello de Marín co apoio técnico do Club de Remo Ría de Marín e o Vila de Cangas.