A Selección Española Absoluta masculina de balonmán xa se atopa en Pontevedra, onde o venres e sábado disputará o Torneo Internacional Domingo Bárcenas no que tamén tomarán parte os combinados nacionais de Polonia, Bielorrusia e Arxentina.
Na súa primeira xornada na Boa Vila, os 'Hispanos' asistiron a un acto promocional da nova roupa deportiva da Federación Española, pousando algúns deles como modelos improvisados na pasarela habilitada no Pazo da Cultura.
Entre eles recibiu o maior número de aplausos, xunto a algúns deportistas locais, o gardameta cangués Rodrigo Corrales, un dos 17 xogadores citados por Jordi Ribeira para preparar o Europeo de Croacia tras os descartes de Antonio Bazán e Sergey Hernández.
O equipo español estivo arroupado na presentación polo presidente do Consello Superior de Deportes, José Ramón Lete, ou a secretaria xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Marta Míguez, ademais do presidente da Federación Española, Francisco Blázquez, entre outros.
Unha vez en Pontevedra, a Selección Absoluta afrontará este xoves unha dobre sesión de adestramento no Pavillón Municipal dos Deportes, previa ao comezo do Torneo Internacional co choque ante Polonia do próximo venres 5 de xaneiro.