España despídese de Pontevedra gañando a unha notable Arxentina (31-28)

Pontevedra
06 de xaneiro 2018

Gran ambiente no Pavillón Municipal dos Deportes, con preto de 3.000 espectadores nas bancadas, para gozar dun entretido partido na segunda xornada do Torneo Internacional de España Memorial Domingo de balonmán

Partido entre as seleccións de España e Arxentina no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra
Partido entre as seleccións de España e Arxentina no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra / Diego Torrado

Gran ambiente no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra na segunda xornada do Torneo Internacional de España Memorial Domingo Bárcenas. O público pontevedrés respondeu por segundo día á cita co balonmán de seleccións e fíxoo para gozar dun entretido encontro entre España e Arxentina.

O combinado suramericano, adestrado polo español Manolo Cadenas, demostrou na pista azul do Municipal a súa evolución e sorprendeu cun notable rendemento que, especilamente na primeira metade, complicou e moito as cousas á selección nacional.

Así a albiceleste, de azul escuro este sábado, atopaba ao comezo do choque boas situacións de lanzamento á vez que complicaba aos de Jordi Ribera co seu 5-1 defensivo, e tras uns minutos de tenteo chegaban a marcar ata tres goles de diferenza (7-10).

Con todo España aproveitou a rotación visitante para axustar a súa defensa e empezar a crecer no encontro. Esa melloría facilitaba o labor ao cangués Rodrigo Corrales en portería, que cun par de boas intervencións colaborou nun parcial de 6-0 que daba a volta ao marcador (13-10) e cambiaba a inercia.

A Roxa, esta vez co seu segundo equipamento, pasaba a dominar e xa non soltaría o mando. Só ao comezo da segunda metade Arxentina conseguía igualar nun bo e trepidante inicio (17-17) que obrigaba a Jordi Ribera a deter o partido. Cambiou a portería dando entrada a Pérez de Vargas e moveu o fondo de armario, modificacións que funcionaron e cun 0-4 devolvían o parcial e agora si empezaba a decantar irremediablemente o choque.

Chegou a ser de seis goles a renda, aínda que os de Manolo Cadenas acabaron maquillando o resultado ata o 31-28 final.

Despídese así a Selección Española de Pontevedra, posto que a terceira e última xornada do Memorial disputarase este domingo no pavillón vigués das Travesas.

ESPAÑA (31): Eduardo Gurbindo (2), Ángel Fernández (3), Valero Rivera (1), Raúl Entrerríos, Álex Dujshebaev (1), Daniel Sarmiento (3), Julen Aginagalde (5), Joan Cañellas (3), Viran Morros, Gedeón Guardiola (1), Iosu Goñi (1), Gonzalo Pérez de Vargas (1), Rodrigo Corrales, Ferrán Solé (5), David Balaguer (3), Adriá Figueras (1), Daniel Dujshebaev (1).

ARXENTINA (28): Shchulz, Maciel, F. Fernández (8), F. Pizarro (2), Parker, Fischer, Vieyra (1), Crivelli (1), Moscariello (1), Vainstein, Souto, Baronetto, Bonanno (3), Carro, D. Simonet (5), Carou (1), P. Simonet (1), I. Pizarro (5).

Árbitros: Álvarez Mata e Bustamante López. Excluíron a Cañellas, Viran Morros e Balaguer en España e a Simonet, Carró e Baronetto en Arxentina.

Marcador cada cinco minutos: 2-3, 4-5, 6-7, 7-10, 11-10, 15-13, descanso, 17-17, 22-18, 25-20, 26-22, 30-24, 31-28.

Incidencias: Partido disputado no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra ante preto de 3.000 espectadores.

POLONIA VENCE A BIELORRUSIA

No encontro que daba comezo á xornada de sábado Polonia lograba o seu primeiro triunfo ao superar a Bielorrusia (28-27), que se desinflou no tramo final. Desta forma España encabeza con 4 puntos a clasificación do Torneo Internacional, polos 2 puntos de Arxentina e Polonia e os 0 de Bielorrusia.