Pontevedra, cuartel xeral dos Hispanos no seu camiño a Tokyo

Pontevedra
02 de xuño 2021

A Selección Española de Balonmán concentrarase do 22 ao 30 de xuño en Pontevedra, segundo confirmou a Real Federación Española. A intención é disputar no Pavillón Municipal dos Deportes polo menos un dos dous encontros internacionais previstos ante Croacia e Exipto

Partido entre as seleccións de España e Arxentina no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra
Partido entre as seleccións de España e Arxentina no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra / Diego Torrado

A Selección Española de Balonmán volverá a Pontevedra dentro da súa preparación para os Xogos Olímpicos de Tokyo.

Os Hispanos realizarán unha concentración na  Boa Vila entre o 22 e o 30 de xuño, segundo confirmou a Real Federación Española de Balonmán.

A intención durante ese período, ademais dos propios adestramentos, é disputar dous encontros, un deles correspondente á xornada 3 da EHF Eurocup 2022 fronte a Croacia, o 27 de xuño, e outro máis de carácter amigable ante o combinado nacional de Exipto o día 29.

Segundo puido confirmar PontevedraViva a intención é que polo menos un deses encontros, con especial interese cara a primeiro deles, se dispute no Pavillón Municipal dos Deportes.

Desta forma a Selección Española Absoluta regresará ao Municipal pontevedrés, que en xaneiro de 2018 acolleu o Torneo Internacional de España Memorial Domingo Bárcenas. Tamén estaba previsto poder albergar un partido internacional en 2020 coincidindo co 75 aniversario da Sociedad Deportiva Teucro, pero a pandemia truncou estes plans.

Para esta concentración en Pontevedra o seleccionador Jordi Ribeira citou a 20 xogadores. "Se trata que en este primer periodo intentemos recuperar a los jugadores y ponerles a punto, para eso sirven las diferentes fases de entrenamiento de cara a estos Juegos Olímpicos. Por ahí también va el tema del volumen de la convocatoria, para poder dar a cada uno lo que necesita", sinalou o técnico.

Entre os convocados atópase o porteiro cangués Rodrigo Corrales (Veszprém HC) como máximo expoñente do balonmán galego. Completan a lista: Gonzalo Pérez de Vargas (Barça), Sergey Hernández (SL Benfica), Raúl Entrerríos (Barça), Daniel Sarmiento (Saint-Raphaël Var Handball), Jorge Maqueda (Telekom Veszprém HC), Álex Dujshebaev (Lomza Vive Kielce), Eduardo Gurbindo (HBC Nantes), Iosu Goñi (Chambéry Savoie Mt-Blanc Handball), Joan Cañellas (MOL-Pick Szeged), Antonio García (Fraikin Granollers), Viran Morros (Paris Saint-Germain Handball), Ferrán Solé (Paris Saint-Germain Handball), Aleix Gómez (Barça), Ángel Fernández (Lomza Vive Kielce), Valero Rivera (HBC Nantes), Miguel Sánchez-Migallón (Logroño La Rioja), Adriá Figueras (HBC Nantes), Julen Aginagalde (Bidasoa Irún) e Rubén Marchán (ABANCA Ademar León).