España resolve en dez minutos ante Bielorrusia e logo exhíbese (35-30)

Pontevedra
05 de xaneiro 2018

Respondeu o público de Pontevedra á chamada dos "Hispanos" e a selección española liquidou con claridade o seu primeiro compromiso do Torneo Internacional de España "memorial Domingo Bárcenas" cunha vitoria convincente sobre Bielorrusia, resolvendo en apenas dez minutos (os últimos cinco do primeiro tempo e o primeiros cinco do segundo) para logo realizar probas para compromisos máis esixentes

Partido de balonmán España-Bielorrusia no Pavillón Municipal dos Deportes
Partido de balonmán España-Bielorrusia no Pavillón Municipal dos Deportes / PontevedraViva

Respondeu o público de Pontevedra á chamada dos "Hispanos" e a selección española liquidou con claridade o seu primeiro compromiso do Torneo Internacional de España "memorial Domingo Bárcenas" cunha vitoria convincente sobre Bielorrusia, resolvendo en apenas dez minutos (os últimos cinco do primeiro tempo e o primeiros cinco do segundo) para logo realizar probas para compromisos máis esixentes.

Tardou o equipo adestrado por Jordi Ribeira en axustar a súa defensa, o que permitiu aos bielorrusos, cun xogo alegre e resolutivo en ataque, atopar con facilidade posiciones claras de lanzamento que lle permitiron levar a iniciativa no marcador durante gran parte do primeiro tempo, aínda que sempre sen superar unha máxima diferenza de tres tantos.

Un primeiro tempo morto do técnico hispano, mediado o primeiro período, deu paso a un achegamento de España, pero Bielorrusia mantivo o tipo ata o minuto 25 (12-15). Aquí empezaría outro partido. Os "Hispanos" puxéronse serios logrando un parcial de 6-1 para deixar o marcador ao descanso xa en vantaxe (18-16).

Pero se o final do primeiro tempo foi irresistible, non o foi menos o comezo do segundo. Con Rodrigo Corrales en portería, España aproveitou unha dobre inferioridade rival para facer outro parcial de saída de 5-0 e escaparse definitivamente (23-16). Foi un escandaloso 11-1 en dez minutos de xogo que xa non puideron superar os visitantes, a pesar de que non se renderon nunca.

A partir de aí o público gozou co porteiro de Cangas, coreando o seu nome en cada intervención (sería elixido mellor xogador do partido) e o equipo gustouse, con vantaxes que chegaron ata os nove goles e xogadas para a galería, como un espectacular dobre "fly" que levantou á bancada.

Jordi Ribeira non quixo facer sangue do rival e aproveitou para facer ensaios, como atacar con sete xogadores ou defensas mixtas e abertas, o que permitiu que nos últimos compases Bielorrusia maquillase lixeiramente o resultado ata deixalo nese claro 35-30 final.

ESPAÑA (35): Gonzalo Pérez de Vargas; Valero Rivera (2), Raúl Entrerríos (1), Álex Dujshebaev (4), Viran Morros, David Balaguer (6, 1 de penalti), Dani Dujshebaev (1) -sete inicial-, Rodrigo Corrales ( p.s.);  Gurbindo (5), Ángel Fernández (3), Dani Sarmiento (4, 2 de penalti), Julen Aginagalde, Joán Cañellas (2), Gedeón Guardiola, Iosu Goñi, Ferrán Solé (5, 1 de penalti) e Adriá Figueras (2).

BIELORRUSIA (30): Matskevich; Kulesh (3), Rutenga (1), Karvatski (5), Yurinok (1), Padshybalau (3), Karalek (2) -sete inicial-, Babichev, Shylovich (1), Pukhouski, Saldatsenka, Baranau (2), Padasinau, Tsitou (1), Bokhan (5), Harbuz (3, 1 de penalti) e Gayduchenko (3).

Árbitros: Rodríguez Estévez e Rosendo López (España). Excluíron dous minutos a Álex Dujshebaev, Gedeón Guardiola, Adriá Figueras, Rutenga, Karalek, Tsitou e Gayduchenko.

Marcador (cada cinco minutos): 2-3, 5-6, 6-9, 10-11, 12-15, 18-16 (descanso), 22-16, 26-18, 27-20, 30-23, 33-27 e 35-30 (final).

Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Partido correspondente ao Torneo Internacional de España "memorial Domingo Bárcenas". Uns 2.500 espectadores.

VITORIA DE ARGENTINA SOBRE POLONIA

Abría a xornada do torneo o partido que enfrontou a Argentina con Polonia. Partido que tivo dous tempos ben distintos, con igualdade absoluta no primeiro e superioridade arxentina no segundo.

Ao descanso o marcador reflectía un xusto empate (13-13), pero na segunda parte os homes que adestra Manolo Cadenas realizaron un gran balonmán e terminaron vencendo con xustiza e autoridade (29-24).

SEGUNDA XORNADA

Este sábado o Municipal pontevedrés acolle a segunda xornada do torneo, cos partidos entre Polonia e Bielorrusia (18:30 horas) e o que podería ser case unha final anticipada entre España e Argentina (20:30 horas).

Pola mañá, os "Hispanos" adestrarán na mesma pista do Municipal, nunha xornada de portas abertas ao público, entre as 11:00 e as 12:30 horas.