Os laterais da SD Teucro refórzanse con Yoan Balázquez e Bruno de Castro

Pontevedra
27 de xullo 2017

Xusto o día no que arranca a súa pretemporada, a SD Teucro presentou oficialmente aos dous xogadores cos que, salvo sorpresa, pecha o seu plantel para o regreso a Asobal. Trátase do lateral esquerdo cubano Yoan Balázquez e do lateral dereito brasileiro Bruno de Castro

Presentación de Yoan Balázquez e Bruno de Castro como xogadores do Teucro
Presentación de Yoan Balázquez e Bruno de Castro como xogadores do Teucro / Mónica Patxot

Xusto o día no que arranca a súa pretemporada, a SD Teucro presentou oficialmente aos dous xogadores cos que, salvo sorpresa, pecha o seu plantel para o regreso a Asobal. Trátase do lateral esquerdo cubano Yoan Balázquez e do lateral dereito brasileiro Bruno de Castro.

Ambos chegan ao club pontevedrés por un ano, aínda que sobre De Castro existe unha opción para unha segunda tempada, que poderá ser executada de forma unilateral polo Teucro se o brasileiro ofrece o rendemento esperado polo corpo técnico.

Balázquez, que ten 21 anos e mide 1.92, procede de Portugal, país no que xogou durante o últimos tres anos. Chega, explicou, "con moitos obxectivos por cumprir", entre eles "crecer como xogador" e axudar ao Teucro a alcanzar o seu obxectivo desta tempada, a súa permanencia na máxima categoría.

Aínda que pode xogar tanto en defensa como en ataque, o lateral cubano recoñece que pode achegar máis na faceta ofensiva, debido á súa rapidez e a súa menor envergadura.

Pola súa banda, Bruno de Castro asegurou estar "moi contento e feliz" de chegar a Pontevedra e poder xogar nunha Liga Asobal "que sempre admirei" polo seu potencial. "Teño moitas ganas de coñecer aos compañeiros e empezar a traballar", dixo.

O lateral brasileiro, de 27 anos e 1.90, procede de Suecia. Alí xogou a última tempada, a primeira fóra do seu país de orixe, onde entrou en contacto cun balonmán europeo que, recoñece, é "máis físico e máis de contacto" que o suramericano, onde traballaba "moito máis a técnica".

Estas dúas fichaxes contribuirán a internacionalizar o plantel dunha SD Teucro que comeza xa a preparación para chegar en óptimas condicións ao comezo da tempada ligueira.