Os medallistas olímpicos Joel González e Brigitte Yagüe, entre os inscritos para o Open de España en Pontevedra

Pontevedra
03 de abril 2015

O Open celebrarase no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra do 10 ao 12 de abril coa presenza de máis de 1.700 deportistas de 49 países, entre os que se encontran algúns dos mellores especialistas mundiais ao estar catalogados como categoría G-1

Joel González (esquerda) e Brigitte Yagüe (dereita) no Grand Prix Final en México Federación Española de Taekwondo

Pontevedra converterase entre os días 10 e 12 de abril na capital mundial do taekwondo coa disputa do Open de España.

Ao estar catalogado como categoría G-1 moitas das estrelas mundiais deste deporte confirmaron o seu prensencia nunha lista de incritos que ascende a 1.721 deportistas de 49 países.

Entre eles competirán no Pavillón Municipal dos Deportes, na modalidade de combate, o campión olímpico en Londres 2012 Joel González (-63 quilos) e a subcampiona Brigitte Yagüe (-49 quilos).

Son dous dos nomes que destacan nun equipo español no que tamén se encontran os pontevedreses Xián Silva (Mace Sport) e Borja Ríos (Hebe), a caldense Lúa Piñeiro (Natural Sport) ou o vilagarcián Francisco Padín (Club Olimpic).

A competición de combate será a máis numerosa con 1.257 inscritos, entre os que se encontra un amplo equipo da Federación Galega de Taekwondo composto por 132 deportistas.

Pola súa banda a competición de técnica contará cunha participación máis discreta, de 464 taekwondistas.

O Open de España repartirá importantes puntos para o ranking mundial na carreira pola clasificación para os Xogos Olímpicos de Río 2016, cita na que só pode competir un deportista de cada país por peso.

Neste aspecto, segundo deu a coñecer a Federación Española de Taekwondo, Lúa Piñeiro encabeza en marzo o ranking nacional feminino de -67 quilos, o que nestes momentos supoñería tamén a clasificación para o Mundial de Rusia.