Unha trintena de xogadores procedentes de diferentes puntos de Galicia, España e Portugal, medirán a súa precisión esta fin de semana na sede do Billiard Club Pool Pontevedra no Open Bola 9-Festas de Verán 2022.
Organizado por esta entidade en colaboración coa Concellería de Deportes, o torneo dará comezo este sábado 27 de agosto ás 10:00 horas, xogarase na modalidade de doble KO, a 6 partidas gañadas, conseguindo 8 prazas da grella final que se celebrará o domingo 28.
Entre os nomes destacados que tomarán parte neste Open Bola 9 figuran Antonio Fazanes, ex campión de Europa, ex campión de España en 5 ocasións e ex campión galego en outras tantas; Éric Rodríguez, xogador do Pool Pontevedra que ocupa o 1º posto no ranking galego absoluto de 2022, e varios xogadores que se atopan nos primeiros lugares do mencionado ranking: Daniel Román Garrido, Damián Ramírez Estévez (ámbolos dous do Pool Pontevedra), o portugués Telmo Torres, José Ángel Nogueira González e José Carlos Domínguez.
Serán un total de 32 xogadores de billar que competirán polas 8 prazas desa grella final que se celebrará o domingo 28 a partir das 16:00 horas e que se disputará a 7 partidas gañadas e KO directo.
Os premios serán de 500 euros e trofeo para o gañador, 300 euros e trofeo o segundo, 150 euros e trofeo para o terceiro e cuarto e de 75 euros para os que queden entre quinto e oitavo lugar.
Durante a presentación do torneo, o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, subliñou que o billar "é un deporte que pouco a pouco vaise abrindo camiño dentro da programación de actividades deportivas da nosa cidade".
"O deporte máis convencional xa ten as súas canles a través dos clubs, pero despois hai moitas disciplinas e actividades que son vistas como minoritarias, pero que no conxunto supoñen unha posibilidade de actividade física moi importante para Pontevedra. Ademáis, o billar permite desfrutar de elementos como socialización, a compañía e a empatía", sinalou o socialista.
Pola súa banda, o presidente do Pool Pontevedra, Damián Ramírez, destacou que este torneo é "un open internacional, no que participará algún xogador portugués e o resto de diferentes lugares de España e no que se fai un cuadrante de 32 xogadores no que hai que perder dúas veces para quedar eliminado".
Fazanes engadiu que "aínda que xa non estamos no nivel no que estivermos, a paixón é a mesma, sempre é un pracer estar neste tipo de torneos, co ánimo de facelo o mellor posible e motivado para gañar".
Tamén destacou que "melloraron moito as condicións para o xogador: antes había moito billar nos bares, pero agora está máis profesionalizado e, se ben o número de xogadores diminuíu un pouco, os que hai son máis profesionais e van pola paixón de xogar billar, querer mellorar e dedicarlle horas".
O torneo será retransmitido en streaming pola canle de Youtube do Pool Pontevedra e tamén poderá seguirse online na plataforma de Cuescore.