Os partidos de liga do Peixe Galego poderán verse de balde a través da internet

Marín
28 de setembro 2016

Aproveitando a presentación oficial da Liga LEB Ouro, a Federación Española de Baloncesto deu a coñecer a nova plataforma dixital a través da que retransmitirá en directo "todos os partidos" da competición e tamén da Liga Feminina. A intención é poder ampliar o servizo á Liga Feminina2 e á LEB Prata

Albert Homs no partido de Copa Galicia entre Peixe Galego e Breogán Cristina Saiz

Os afeccionados do Marín Peixe Galego de baloncesto están de noraboa. Ademais de contar as horas para o inminente debut do seu equipo na segunda categoría nacional, a Liga LEB Ouro, o venres ante o Melilla (21:00 horas) na Raña, veranse beneficiados da nova plataforma dixital presentada pola Federación Española de Baloncesto (FEB).

Aproveitando o acto de apertura da liga este martes deuse a coñecer o Canal FEB, a través do cal se poderán seguir en directo por streaming a través da internet "todos os partidos" da competición.

Trátase dunha plataforma de vídeo gratuíta á que se pode acceder con calquera dispositivo.

"Ayudará a los clubes a generar más ingresos al tener sus patrocinadores más visibilidad", sinalou David Segura, fundador de Gooru Live, quen explicou ademais que serán os clubs os encargados de xerar contidos, ademais dos partidos, como poden ser roldas de prensa ou vídeos promocionais.

Ademais da LEB Ouro o Canal FEB retransmitirá os encontros da Liga Feminina, coa intención de poder ampliar este servizos á LEB Prata e Liga Feminina 2.