Os penaltis deixan o Poio Pescamar sen Trofeo Internacional de Cartelle

Poio
06 de setembro 2021

O conxunto conserveiro deixou unha boa imaxe no torneo ourensán, cedendo por penaltis na final fronte ao Benfica portugués

Final do I Trofeo Internacional de Cartelle entre Poio Pescamar e Benfica Poio Pescamar FS

O Poio Pescamar encara o tramo final da súa pretempada e faino deixando boas sensacións, como as ofrecidas esta fin de semana no I Trofeo Internacional de Fútbol Sala de Cartelle celebrado en Ourense.

O cadro conserveiro superou con solvencia na semifinal a un rival da súa liga como o Alcorcón (3-1), plantándose nunha final na que lle esperaba o  Benfica portugués.

Foi un encontro xogado de poder a poder e que puido caer ao lado das xogadores adestradas por Manu Cossío. Foi con todo o conxunto luso o primeiro en adiantarse cun bo gol de Raquel cun disparo afastado.

Antes do descanso Anna Escribano, con outro tanto de bonita factura, conseguía a igualada, e Dani Sousa completaba a remontada xa na segunda metade.

O duelo destacaba pola súa igualdade, e a falta de 30 segundos o Benfica lograba o 2-2 final nunha contra materializada por Sara. Chegábase así aos penaltis, que decidirían ao gañador do trofeo ourensán, e nesa sorte foi mellor o equipo portugués.