O complexo deportivo David Cal de Verducido acollerá o 6 e 7 de maio a segunda rolda da Copa de España de Piragüismo na modalidade de sprint olímpico. Será a segunda proba desta competición que se organice no Pontillón do Castro de forma consecutiva, posto que a primeira xa fora concedida a Pontevedra, que repetirá na segunda pola renuncia da federación asturiana a organizala no encoro de Trasona.
Por problemas derivados da folga de transporte, en Asturias non aseguran ter todo preparado para a celebración da competición. Ante esta situación, a Federación Galega de Piragüismo aceptou organizar tamén esta segunda xornada da Copa. A primeira está prevista para os días 23 e 24 de abril.
Con este cambio, a pista de regatas de Pontevedra convértese tamén en sede dos dous próximos selectivos de embarcacións para as principais competicións internacionais, que se celebrarán coincidindo coa celebración destas dúas primeiras xornadas da Copa de España.
En función dos resultados acadados nestas Copas de España, os padeeiros de categoría absoluta poderán conseguir o billete para participar nas diferentes probas da Copa do Mundo, competición nas que se reparten os pases para os Europeos e Mundiais. Mentres que en categorías inferiores, os deportistas poderán conseguir a clasficiación a estas grandes citas internacionais de xeito directo nas Copas de España.
Por iso, unha vez máis, o encoro do Pontillón volverá reunir aos mellores padeeiros do país tanto en abril como en maio.