Preto de 700 piragüistas cítanse en Verducido na Copa de España para embarcacións de equipo

Pontevedra
04 de maio 2022

A competición nacional celebrarase na pista de piragüismo do Complexo Deportivo David Cal, no encoro pontevedrés de Pontillón do Castro, o sábado 7 e o domingo 8 de maio, ao que se suma os días previos o control selectivo organizado pola Real Federación Española de Piragüismo

Presentación no Concello de Pontevedra da II Copa de España de Piragüismo Sprint
Presentación no Concello de Pontevedra da II Copa de España de Piragüismo Sprint / Mónica Patxot

O piragüismo nacional volve ter unha cita estes días en Pontevedra coa celebración da II Copa de España de Sprint Olímpico para embarcacións de equipo e que se suma á competición individual celebrada recentemente.

O evento, que foi presentado este mércores no Concello de Pontevedra, prevé a presenza de preto de 700 deportistas de categorías sénior e xuvenil e celebrarase no Complexo Deportivo David Cal do encoro de Pontillón do Castro durante o sábado 7 e o domingo 8 de maio.

A iso súmase nos días previos, xoves e venres, o control selectivo organizado pola Real Federación Española de Piragüismo para completar o equipo nacional que competirá nas próximas probas internacionais.

En total estarán presentes na Copa de España ata 63 clubs nacionais, con probas para embarcacións de K-2, C-2, K-4 e C-4, ademais do Paracanoe, nas distancias de 200, 500 e 1.000 metros.

As series clasificatorias están previstas durante toda a mañá do sábado 7, entre as 9.00 e as 13.30 horas, celebrándose as semifinais pola tarde, entre as 16.00 e as 20.00 horas, e as finais o domingo 8 pola mañá.

"Hai pouco tivemos a Copa de España de Sprint de embarcacións individuais, que foi un éxito tanto a nivel de participación como de resultados, cunha concentración de medallistas olímpicas que non se deu nunca na historia da cidade, e agora volvemos ter aquí aos mellores de España, que é tanto como dicir os mellores de Europa e do mundo, xa que somos unha potencia", explicou na presentación da competición o edil de Deportes, Tino Fernández, acompañado do presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, quen destacou pola súa banda que "non só é a Copa de España, senón tamén o selectivo de barcos dobres, individuais e de catro padeeiros para facer os equipos que irán á Copa do Mundo, o Campionato do Europa e o Mundial".

TERESA PORTELA E CAROLINA GARCÍA, NO K-4

Bea destacou tamén o proxecto que está a levar a cabo a Federación Española en Pontevedra co equipo nacional feminino en busca dun K-4 que "poida estar finalmente xogándose unha praza na final do Mundial e unha medalla". 

Nesa embarcación de equipo, avanzou o presidente federativo, estará a subcampioa olímpica Teresa Portela e tamén a pontevedresa Carolina García, ademais de Sara Ouzande (Kayak Tudense) e unha padeeira catalá.