A xunta directiva do Club Natación Galaico, con Alfonso Gallego á cabeza, quedou contra as cordas despois dunha tensa asemblea extraordinaria na que se debatía a situación económica da entidade.
Os socios do Galaico rexeitaron por ampla maioría os dous puntos do día, un axuste presupostario con derrama extraordinaria de 19.500 euros e suba de cotas no primeiro e negociar a rebaixa dun 10% do soldo a empregados e adestradores no segundo, forzando ademais unha moción de confianza cara á directiva despois de pedir reiteradamente a súa dimisión.
Gallego tivo que aceptar convocar unha nova asemblea que contará cun único punto do día, a súa continuidade á fronte do club pontevedrés despois de ano e medio ao mando. Esa asemblea celebrarase previsiblemente no mes de abril tras a disputa do Campionato de España Open.
Os socios votarán a continuidade de Gallego despois do Campionato de España Open
O encontro, celebrado na biblioteca do Complexo Deportivo Rías do Sur, converteuse nunha enumeración de acusacións cara á directiva, á que os socios botaron na cara ter dilapidado o superávit co que contaba a entidade, que algúns pais cifraron en preto de 100.000 euros, ata se encontrar na actual situación de perdas.
Segundo os dirixentes, o Galaico precisa os 19.500 euros da derrama e a cota extraordinaria para liquidar a tempada, despois de asumir débedas cos provedores que alcanzan os 13.000 euros no caso da empresa de autobuses coa que viaxan os nadadores.
Alfonso Gallego intentou defender a súa xestión apoiándose na redución do gasto nos últimos dous anos, "el gasto histórico ha bajado de 489.000 euros a 389.000 y ahora a 312.000", pero as súas explicacións non atoparon comprensión ante uns pais que o acusaron de intentar dividir ás seccións con medidas como atrasar o pagamento do nóminas aos adestradores de waterpolo.