Óscar Brea leva a Volta a León

Pontevedra
28 de xullo 2018

O ciclista do Froiz completou unha gran rolda por etapas en León, collendo o liderado no prólogo e conservándoo despois co premio engadido de lograr dous triunfos máis de etapa

Podio final da Volta a León con Óscar Brea como vencedor Grupo Deportivos Supermercados Fróiz

De principio a fin dominou o Grupo Deportivo Supermercados Froiz e o seu ciclista Óscar Brea a Volta a León, que finalizou este sábado despois de cinco xornadas de competición.

O corredor da escuadra alimenticia colleu o liderado na etapa prólogo, nunha crono de só 3 quilómetros, e non soltou a camisola amarela ata o final confirmándose como o home máis forte da proba.

Na segunda xornada entraría en meta segundo, e despois chegarían dous triunfos de etapa para engrosar o botín e confirmar o seu liderado.

Con respecto ao último día de volta, o Froiz controlou a etapa ata os dous quilómetros finais, cando saltou do pelotón Jaume Sureda (Caja Rural) para levar a vitoria parcial.

Brea avantaxou na xeral en 26 segundos a Anatoli Budiak ( ULB) e en 58 segundos a Nicolás Sainz (Lizarte). Ademais levou tamén o primeiro posto da clasificación da montaña, da combinada e da regularidade.