Óscar Graña agranda a súa lenda e, con Diego Romero, son campións de Europa de piragüismo maratón

Pontevedra
08 de xullo 2018

Din que os vellos rockeiros nunca morren. E, no ámbito deportivo, Óscar Graña é un deles. Aos seus 42 anos, o piragüista pontevedrés volveu subir ao máis alto do podio nunha competición internacional. Colgou o ouro, xunto ao seu compañeiro Diego Romero, na proba de C2 do campionato de Europa de piragüismo maratón

Óscar Graña e Diego Romero, no podio do Europeo de piragüismo maratón
Óscar Graña e Diego Romero, no podio do Europeo de piragüismo maratón / Nina Jelenc / Federación Galega de Piragüismo

Din que os vellos rockeiros nunca morren. E, no ámbito deportivo, Óscar Graña é un deles. Aos seus 42 anos, o piragüista pontevedrés volveu subir ao máis alto do podio nunha competición internacional. Colgou o ouro, xunto ao seu compañeiro Diego Romero, na proba de C2 do campionato de Europa de piragüismo maratón.

Graña, agora nas filas do Breogán do Grove, agrandou a súa lenda e suma unha medalla máis ao seu longo historial deportivo, a primeira co seu compañeiro, o vilagarcián Diego Romeu.

A aposta deste último pola embarcación dobre foi clara desde o primeiro momento e por este motivo renunciaba á súa participación no barco individual no cal tiña a praza.

A dupla pontevedresa tomaba a saída ás 8:00 da mañá e, ao longo dos 30 quilómetros que durou a proba, dominou os tempos en todo momento. Situáronse na cabeza ao principio da carreira, acompañados polas piraguas de Polonia, de Hungría e o segundo barco español, con Tono Campos e José Sánchez, tamén do Breogán do Grove.

A falta dunha volta, o tándem español aproveitou unha ciaboga na que os polacos embestiron aos húngaros para realizar un tirón que lles permitiu escapar e palear de forma clara cara o máis alto do podio.

Antes, na quinta volta, xa se descolgaran da cabeza o dúo formado por Campos e Sánchez, que foron quintos ao final.

O C2 de Óscar Graña e Diego Romero cruzou a liña de meta cun tempo de 01:55:33.46, superando os polacos Mateusz Orgiel e Mateusz Zuchora en máis de quince segundos e os húngaros Dániel Laczó e Gergely Nagy en case 21 segundos.

'AS TANIAS', CUARTAS EN K2

Ademais, a parella formada por Tania Fernández (Kaiak Tudense) e Tania Álvarez (Breogán do Grove) lograron un magnífico resultado na que era a súa primeira competición internacional xuntas.

Foron cuartas na carreira de K2, que comezaba pouco despois das dez da mañá. Por diante delas quedaron os dous barcos húngaros e as españolas Eva Barrio e Amaia Ousaba, que lograron colgar a medalla de bronce.