Pablo Crespo, a pola proeza no Preolímpico Europeo de piragüismo

Pontevedra
07 de maio 2024

Tras impoñerse no recente Selectivo celebrado en Verducido, o piragüista pontevedrés busca esta semana na localidade húngara de Szeged a clasificación para os Xogos Olímpicos de París

Pablo Crespo, durante un adestramento Real Federación Española de Piragüismo

Tras impoñerse no recente Selectivo celebrado en Verducido, Pablo Crespo busca esta semana na localidade húngara de Szeged a clasificación para os Xogos Olímpicos de París.

O padeeiro da Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra competirá o 9 de maio no Preolímpico Europeo, última cita clasificatoria para os Xogos, previo á Copa do Mundo que se disputará a fin de semana no mesmo escenario.

O pontevedrés aspira a unha das dúas prazas para París que se reparten no C-1 1.000 metros, distancia na que España non logrou aínda clasificar embarcación.

Crespo ten previsto estrearse no Preolímpico o xoves día 9 ás 10.11 horas da mañá. O primeiro obxectivo será estar entre os tres mellores da súa serie para avanzar á final das 16.10 horas da tarde do mesmo xoves.

Prevese, aseguran desde a Federación Galega de Piragüismo, unha forte competencia nesta proba, á que Pablo Crespo acode con boas expectativas pero na que terá como rivais a deportistas de Ucraína, Italia, Grecia, Rusia ou Bielorrusia.

CAROLINA GARCÍA CÉNTRASE NO K-4

A outra deportista pontevedresa que se gañou unha praza no Preolímpico era Carolina García, ao gañar o Selectivo no K-2 500 metros xunto á asturiana Sara Ouzande.

Con todo, xa clasificadas para París dentro do K-4 500 metros, ambas as dúas deportistas cederon o seu posto en Szeged á tripulación formada por Laia Pelach e Begoña Lazkano.