Pablo Dapena e Javi Gómez Noya apúntanse ao Europeo Ironman 70.3

Pontevedra
12 de xuño 2019

Os flamantes campións mundiais de tríatlon de longa distancia volverán medirse nun gran evento, o Ironman 70.3 de Elsinore, en Dinamarca, que decidirá o título continental da especialidade o próximo 23 de xuño. Ambos os dous figuran nunha lista de saída de gran nivel competitivo

Pablo Dapena e Javi Gómez Noya no Campionato do Mundo de Tríatlon de Longa Distancia en Pontevedra
Pablo Dapena e Javi Gómez Noya no Campionato do Mundo de Tríatlon de Longa Distancia en Pontevedra / Xan Xiadas

O Campionato de Europa de Ironman 70.3 que se celebrará o próximo 23 de xuño en Elsinore, Dinamarca, é o novo obxectivo que se marcan Javier Gómez Noya e Pablo Dapena.

O flamantes campión e subcampión mundiais de tríatlon de longa distancia volverán coincidir desta forma nun evento no que parten entre a nómina de candidatos ao podio pero no medio dun gran nivel competitivo.

Ambos os dous figuran na lista de saída do Europeo, actualizada este mércores 11 de xuño, no que supón ademais un esixente test mirando cara o Mundial da distancia que se celebrará en setembro en Niza e para o que están xa clasificados.

Dapena confirmou a través das súas redes sociais que o Ironman 70.3 de Elsinore, localidade que se atopa a pouco máis de media hora en coche desde a capital danesa, é o seu obxectivo máis inmediato, centrado como está na segunda fase da tempada na media distancia. O pontevedrés vén de facer varios podios este ano, con segundos postos no Mundial de Pontevedra, o Challenge de Lisboa e o Ironman 70.3 de Rapperswil-Jona, en Suíza.

 

Pola súa banda Gómez Noya, no medio dos seus compromisos nas Series Mundiais e centrado como está en lograr a clasificación olímpica, non descoida a media distancia. Este curso venceu no Ironman 70.3 de Geelong, Australia, mentres que nas Series Mundiais situouse tras o seu podio en Leeds en cuarta posición na xeral e con opcións de pelexar polo seu sexto título mundial. Esta posición fíxolle replantexar a súa tempada acudindo ás carreiras das World Series sobre distancia sprint, como a que terá lugar en Montreal o 29 de xuño, sen apenas descanso desde o Europeo 70.3.

Na liña de saída do Campionato de Europa  Ironman 70.3 aparecen outros grandes nomes do tríatlon mundial, como entre outros o británico Tim Don (dúas veces bronce mundial en 70.3), o suízo Ruedi Wild (bronce mundial en 70.3 e prata en tríatlon de longa distancia) e o estadounidense Rodolphe Von  Berg, vencedor o pasado ano no Europeo de Elsinore.