Pablo Dapena repite en Lisboa triunfo na franquía Challenge

Pontevedra
19 de maio 2018

O triatleta pontevedrés impúxose na proba de media distancia celebrada este sábado na capital portuguesa ao superar en meta ao alemán Patrick Dirksmaier por 37 segundos

Pablo Dapena, durante o Triathon Vitoria-Gasteiz
Pablo Dapena, durante o Triathon Vitoria-Gasteiz / Triathon Vitoria-Gasteiz

O inicio de tempada está a resultar inmellorable para Pablo Dapena, que este sábado en Lisboa sumou o seu segundo triunfo do ano dentro da franquía Challenge.

Despois de ser segundo en Roma e de vencer en Mogan, Gran Canaria, o triatleta pontevedrés volveu subir o máis alto do podio nunha carreira que se disputou en formato de media distancia, con 1.900 metros de natación, 90 quilómetros de ciclismo e 21 quilómetros de carreira a pé.

Dapena dominou a proba desde o segmento de natación, chegando á primeira transición na cabeza e mantendo o tipo durante os 90 quilómetros de ciclismo, nos que foi cazado por dous dos seus rivais, o alemán Patrick Dirksmeier e o esloveno Jaroslav Kovacic.

Os tres chegaron á última transición xuntos, polo que todo se xogaría na carreira a pé, e aí o pontevedrés demostrou o seu gran estado de forma chegando a meta en solitario cun tempo de 3 horas, 39 minutos e 11 segundos. Tras el, a 37 segundos, chegaría Dirksmeier, mentres que Kovacic completou os postos de podio.

Tras esta cita, Pablo Dapena pensa xa en volver á competición dentro dunha semana cunha nova cita da franquía Challenge, na localidade catalá de Salou.