Pablo Dapena repite podio no Challenge de Praga

Pontevedra
27 de xullo 2019

Aínda que chegaba con problemas no nocello despois dos adestramentos, o pontevedrés conseguiu finalizar terceiro a proba internacional, a primeira do seu segundo bloque da tempada

Pablo Dapena no podio do Challenge de Praga Challenge Family

Despois de varias semanas de parón, Praga foi, durante este sábado, o campo de competición de Pablo Dapena na que foi a súa primeira proba do segundo bloque da tempada. Nesta ocasión, no Challenge da capital checa, ao que o pontevedrés chegaba con problemas. Durante os adestramentos sufriu unha  torcedura de nocello ademais dunha caída da bicicleta, o que, con todo, non pareceu afectarlle durante a carreira.

Dapena viaxou a Praga co listón alto despois da segunda posición do ano pasado, cruzando a liña de meta só por detrás de Javi Gómez Noya, quen, non acudiu á proba de media distancia desta fin de semana. E cumpriu coas expectativas conseguindo subirse ao podio.

O primeiro tramo a nado foi para el, que conseguiu saír da auga en primeira praza con 13 segundos de vantaxe sobre o grupo formado por sete homes, os favoritos da competición. Sen embargo, despois da primeira transición, Dapena comezou a perder terreo, ata colocarse na novena posición, chegando ao segundo cambio xunto ao alemán Frederik Funk a 5:30 do primeiro. Florian Angert, Pieter Heemeryck, Thomas Steger e Thomas Davis foron os mellores durante o segundo sector. 

Os 21 quilómetros de carreira a pé comezaron con Angert sendo consciente da súa ampla vantaxe sobre o resto e co pontevedrés máis forte que os seus rivais. Despois do quilómetro e medio, no que Dapena xa conseguira remontar posicións, colocándose cuarto, sacou garra e meteuse nas posicións ao podio, con  Angert e Heemeryck por diante

Finalmente, o galego mantivo o nivel e, estirando a súa enerxía ata o final, cruzou a liña de meta en terceira posición cun tempo de 3:59:04.2.

Agora toca seguir coa segunda parte da tempada con vistas ao seu obxectivo: o Mundial 70.3, que se desenvolverá o próximo mes de setembro en Niza.

Consulta os tempos completos de Pablo Dapena no Challenge de Praga.