Pablo Dapena, subcampión galego de dúatlon en estrada

Pontevedra
11 de abril 2017

O triatleta pontevedrés, que afrontará en poucos días a primeira proba de media distancia da tempada en Orihuela, participou no Campionato Galego de Dúatlon celebrado en Samil, Vigo, onde só foi superado polo local Antonio Serrat

Pablo Dapena (esquerda) no podio do Campionato Galego de Dúatlon
Pablo Dapena (esquerda) no podio do Campionato Galego de Dúatlon / Federación Galega de Tríatlon

Prometedor inicio de tempada para Pablo Dapena, que se proclamou en Vigo subcampión galego de dúatlon na estrada despois dun interesante duelo con Antonio Serrat.

Tras competir recentemente co seu club (Cidade de Lugo Fluvial) en Boiro no Campionato de España de Dúatlon Contrarreloxo por equipos, o triatleta pontevedrés afrontou a competición celebrada en Samil como unha posta a punto de cara aos retos plantexados para a presente campaña.

Desde o inicio quedou claro en Vigo que a pelexa polo ouro era cousa de dous. Antonio Serrat e o propio Pablo Dapena formaron un duo na cabeza de carreira na primeira transición, á que o vigués chegou con algo de vantaxe que perdeu tras un cambio algo lento.

A carreira disputábase en distancia sprint, e na bicicleta ambos puxeron un ritmo imposible de seguir para os demais. Serrat conseguiu nos metros finais cinco segundos de vantaxe sobre Dapena antes dos 2.500 metros definitivos de carreira a pé, un tramo no que o vigués non deu opción chegando á meta en solitario cun tempo de 55 minutos e 54 segundos. Só 14 segundos despois chegou Pablo Dapena, completando o podio xa a máis distancia Luismi Velásquez (58:13) despois dun emocionante sprint con Andrés Cendán.

En categoría feminina a gran vencedora foi a ferrolá Camila Alonso (1:06:22), que dobregou nos últimos 200 metros a Joselyn Brea (1:06:34), mentres terceira foi Edymar Brea (1:07:05).

Tras a súa participación no Campionato Galego de Dúatlon, Pablo Dapena céntrase agora no primeiro reto da tempada na media distancia, que afrontará no Tríatlon de Orihuela o próximo 23 de abril.