Pablo Dapena volve á competición cun sexto posto no IM 70.3 Knokke-Heist: "Non foi sinxelo este camiño"

Pontevedra
18 de setembro 2023

Tres meses despois de dar un paso a un lado para centrarse en superar problemas de ansiedade, o triatleta pontevedrés volveu participar a fin de semana nunha gran competición internacional. "O meu obxectivo era gozar e cruzar a liña de meta a toda costa",explicou tras a proba

Pablo Dapena, no PTO US Open en Dallas
Pablo Dapena, no PTO US Open en Dallas / Professional Triathletes Organisation (PTO)

Máis de tres meses despois de dar un paso a un lado para centrarse en superar problemas de ansiedade, Pablo Dapena regresou á competición nun gran evento internacional, competindo no Ironman 70.3 Knokke - Heist, en Bélxica. 

Fíxoo asinando un sexto posto na carreira, cun tempo de 3 horas, 44 minutos e 28 segundos, a máis de catro minutos do vencedor, o belga Pieter Heemeryck. 

"Contento de volver case 4 meses despois a competir e superar moitas pantasmas do pasado. Non foi sinxelo este camiño", recoñeceu o pontevedrés tras a proba.

"Unha pena non estar na miña mellor forma física, pero o meu obxectivo era gozar e cruzar a liña de meta custe o que custe fose 3º ou o 25º. E fíxeno. Moitas grazas a todos os que estivestes na sombra durante todos estes meses (FAMILIA , amigos, xente que non coñezo persoalmente e escribíame) un 6º non é moito pero vai para vós", explicou a través das súas redes sociais.

En canto á carreira "unha mala T2 e unha primeira volta correndo con sensacións de pesadez priváronme de estar en mellor posición porque as sensacións da última volta eran en modo caza e captura", concluíu un Pablo Dapena que xa ve a luz ao final do túnel.