Pacheco, Cardeñosa e Adrián Camiño, coa Selección Galega na Copa de Rexións UEFA

O Salnés
03 de decembro 2015

Os tres futbolistas, de Ribadumia e Arosa, participarán na primeira fase da competición en Estremadura durante a próxima fin de semana, no que non haberá xornada de Terceira División

Adrián Camiño nun amigable entre a Selección Galega e o Ribadumia
Adrián Camiño nun amigable entre a Selección Galega e o Ribadumia / Federación Galega de Fútbol

Dous xogadores do Arosa, Adrián Camiño e Cardeñosa, e outro do Ribadumia, Pacheco, participarán esta próxima fin de semana na primeira fase da Copa das Rexións UEFA.

Os tres foron incluídos na convocatoria oficial da Selección Galega adestrada por Manu Fernández para unha competición que provoca a parada da Terceira División esta semana.

A xornada ligueira atrásase ao martes festivo, día 8, data na que xa estarán de volta todos os seleccionados.

A Selección Galega desprázase este venres a Almendralejo, onde o sábado xogará ante a Comunidade Valenciana e o domingo ante Estremadura, con ambos os partidos fixados ás 12:00 horas.

Completan a convocatoria: Viuski (Racing Vilalbés), Diego García (Verín), Yago Vázquez (Choco), David Portas (Rápido de Bouzas), Juan (Cerceda), Pablo Corzo (Barco), Sergio Santos (Rápido de Bouzas), David García (Bergantiños), Sergito (Verín), Cañi (As Pontes), Alfredo (Barbadás), Álex Ares (Cerceda), Álex Pérez (Bergantiños), Hugo García (Barbadás) e Hugo Sanmartín (Choco).