Un partido "da nosa liga" fronte ao Talavera co que "empezar a construír o noso fortín" en Pasarón

Pontevedra
03 de outubro 2025

Rubén Domínguez asegura que queren "darlle a primeira vitoria aos nosos afeccionados" na casa coa visita este domingo 5 de outubro dun Talavera que "é un moi bo equipo de fútbol"

Rubén Domínguez, nun adestramento do Pontevedra 25-26 na Xunqueira
Rubén Domínguez, nun adestramento do Pontevedra 25-26 na Xunqueira / Cristina Saiz

O Pontevedra Club de Fútbol conta as horas para recibir este domingo 5 de outubro (12.00 horas) o Talavera CF no Estadio Municipal de Pasarón.

Un encontro que "hai que ser realistas, é un partido da nosa liga" no que os granates queren "empezar a construír o noso fortín, o noso viveiro de puntos", asegura Rubén Domínguez.

"Ao final a xente, os nenos, os avós queren ver o seu Pontevedra gañar e temos ganas e ilusión de darlles esa primeira vitoria na casa", defende o adestrador dos pontevedreses.

Domínguez valora os 7 puntos conseguidos até a data e que "está ben para o tramo do calendario no que competimos", pero quere máis porque "meternos xa con 10 puntos na xornada 6 soa moi ben".

Non será en todo caso tarefa sinxela, e é que o técnico avisa dun Talavera que, como o Pontevedra, é recentemente ascendido e que "é dos equipos que máis nos gustou de todo o que analizamos até agora. Ímonos a atopar cun bo equipo de fútbol".

O conxunto manchego chegará a Pasarón de feito con 8 puntos e tras encadear catro xornadas sen perder.

Rubén contará cunha dúbida no seu plantel por un contratempo físico sufrido na sesión de adestramento deste xoves. "A ver se dá chegado", explicou evitando profundar e sinalar o futbolista afectado para "non dar pistas ao rival".

Por contra a boa nova está no estado do céspede do Estadio Municipal de Pasarón, sometido nas últimas semanas a tratamento. "Non hai cor. Está moitísimo mellor que con respecto ao partido de Tenerife", recoñeceu aínda que "non está de todo ben".