É unha imaxe xa habitual durante o inverno, pero que nesta ocasión adiantouse polo calendario e pola situación actual do terreo de xogo, afectado por un fungo.
O céspede do Estadio Municipal de Pasarón someteuse estes días a un tratamento, aproveitando as dúas xornadas consecutivas que o club granate actuará como visitante, fronte a Athletic B e Ourense CF.
De feito o próximo encontro fixado na casa non se disputará até o domingo 5 de outubro contra o Talavera (12.00 horas).
Ante esa xanela que ofrece a competición, coa posibilidade de non pisar o terreo de xogo durante case tres semanas completas, os operarios actuaron sobre o mesmo.
Fixérono cunha achega de area co obxectivo de consolidar a superficie e tentar mellorar o verde, e pensando ademais no outono e inverno que están por chegar.
