O Pontevedra Club de Fútbol viaxa até o País Vasco para a cuarta xornada de liga en Primeira RFEF, cun duelo fronte ao Athletic B (sábado, 18.30 horas) no que Rubén Domínguez terá a todos os seus homes dispoñibles.
Así o referendou o técnico na rolda de prensa ao choque, na que tambien se referiu aos tres futbolistas do primeiro plantel que, até a data, non debutaron aínda: Edu Sousa, Miguel Cuesta e Hervías.
"A situación de Edu apostamos nun inicio porque empezara Marqueta e está a dar un bo rendemento. Como dixen o día Ponferrada, para que Marqueta teña un bo rendemento necesita un bo Edu detrás, un Edu que pola semana traballa", explicou.
No que respecta a Miguel Cuesta "é decisión técnica", confirmou o preparador. "De momento non entrou porque outros xogadores están a entrar pero está a traballar formidablemente ben. É un rapaz que é exemplar no día a día", asegura Rubén domínguez.
Por último o adestrador granate referiuse ao caso de Pablo Hervías, un futbolista que "non necesita presentación. É un xogador que, cando o asinas, ten que ser moi importante para este Pontevedra e todos queremos que sexa importante para este Pontevedra".
Rubén detallou a maiores que se trata de "un proceso persoal que está a vivir. Necesita tempo, un período de respecto nese sentido. Nós estamos aquí para tentar sacar rendemento aos futbolistas e a ver si canto antes nese proceso mental que está a vivir, témolo dispoñible".
PARTIDO FRONTE AO ATHLETIC B
O adestrador do Pontevedra encomiou o filial branquivermello ao que se mide este sábado ao ser "un equipo ao final con xogadores que algún deles vai tocar seguro fútbol profesional, xogadores a nivel individual de moitísimo talento e a nivel coletivo un equipo moi incómodo".
A pesar da dificultade opina en todo caso que "temos a capacidade de puntuar e gañar en calquera lado e en calquera partido", e con esa actitude chegará o cadro granate a Lezama.
"É un equipo que case vai a pares no teu campo propio, así que hai que sacar rápido o balón, hai que xerar situacións de xogo rápidas e logo si somos capazes de instalarnos no campo rival a maior cantidade de tempo estou seguro de que lle imos a poder facer dano", analizou o máximo responsable do banco pontevedrés.