Partidos a porta pechada até o 18 de xaneiro no balonmán galego

Sanxenxo
17 de decembro 2024
Actualizado: 17:35

"Non queremos que se normalicen os insultos, as protestas ou as agresións", sinalou a Federación Galega xustificando a medida tras o grave suceso acontecido a fin de semana en Vilalonga

Pista do pavillón de Vilalonga Concello de Sanxenxo

A Federación Galega de Balonmán tomou unha contundente decisión como resposta ao episodio violento vivido a fin de semana nun partido de categoría cadete femenina en Vilalonga, no que un familiar do árbitro do encontro tivo que ser evacuado en ambulancia tras sufrir unha fractura cranial.

Tras unha reunión mantida con clubs, árbitros e a xunta directiva da propia federación, decidiuse que todos os partidos oficiais de ámbito autonómico se xoguen sen público, a porta pecha, até o próximo 18 de xaneiro.

Trátase dunha medida que pretende sensibilizar a todo o balonmán galego contra a violencia.

"Non queremos que a seguridade no noso deporte sexa un problema; non queremos que se normalicen os insultos, protestas ou agresións; non queremos que ninguén teña que expor a súa integridade física para evitar feitos tan preocupantes como o ocorrido; non queremos ter que educar os adultos; non queremos ter que esixir sentido común e respecto", explicou nun comunicado a Federación Galega xustificando a medida adoptada.

"Só buscamos a formación e o goce das nosas federacións, e de todas aquelas persoas que acoden aos pavillóns conscientes de que somos o exemplo a seguir para a nosa mocidade", engade.

A decisión de xogar a porta pechada, aseguran, busca provocar unha reacción nas institucións que rexen o balonmán e o deporte.

Avanza ademais a Federación que varios clubs galegos de categoría nacional mostraron a súa intención de apoiar a iniciativa.

Por último no seu comunicado, a Federación Galega de Balonmán pide o apoio do balonmán nacional, de todas as institucións e afeccionados, para que o sucedido en Vilalonga supoña un punto de inflexión "e represente o cambio tan necesario que todos queremos para o noso deporte".