O aforo do Estadio Municipal de Pasarón poderá ser superior aos 1.000 espectadores que recomenda como máximo o Consello Superior de Deportes na normativa actual para espazos ao aire libre.
O Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete, xa recoñeceu recentemente que traballaban nesa opción, e o organismo que dirixe contactou cos clubs galegos aos que afectaría esta restrición para pedirlles que elaboren un protocolo específico para as súas instalacións que garanta a seguridade en caso de ampliación.
Desta forma, o Pontevedra Club de Fútbol deberá presentar un protocolo no que se calculará a capacidade máxima de Pasarón cumprindo unha serie de requisitos establecidos por Sanidade, como a separación de 1,5 metros entre as persoas. Ademais será obrigatorio o uso de máscaras ou o control de temperatura, e deberanse reforzar as medidas de hixiene e desinfección, coa colocación de cartelería informativa e de dispensadores de xel.
Outros aspectos a cumprir para os espectadores será levar a cabo un control nominal dos asistentes, tanto na súa entrada como no asento que ocupen, que estará asignado previamente mediante o carné de socio ou coa entrada despachada en venda anticipada.
A única dúbida a este protocolo é que estará supeditado á aprobación da autoridade sanitaria e que non estean establecidas na cidade medidas de restrición, como sucede actualmente en Pontevedra ao estar incluído o municipio entre as zonas con medidas especiais de restrición.
Cumprindo todos estes aspectos, será o propio Pontevedra CF o que poida calcular canta xente poderá acceder ao Estadio Municipal de Pasarón esta liga, o que sería un gran alivio para a entidade granate, xa que nun estadio con preto de 12.000 espectadores de capacidade ábrese a porta para dar cabida, polo menos, a todos os seus abonados.