Suspendido o amigable entre Compostela e Pontevedra polo positivo en COVID dun familiar dun xogador santiagués

Pontevedra
23 de setembro 2020

"O futbolista permanece illado no seu domicilio desde que o seu familiar presentou os primeiros síntomas, o xoves da semana pasada", confirma o Compostela. O partido ía disputarse este mércores no Estadio Verónica Boquete de San Lázaro 

Primeiro adestramento da pretempada 2020-2021 do Pontevedra CF
Primeiro adestramento da pretempada 2020-2021 do Pontevedra CF / Cristina Saiz

O partido amigable que ían disputar este mércores a Sociedade Deportiva Compostela e o Pontevedra Club de Fútbol quedou suspendido.

Así o anunciou á primeira hora da mañá o club santiagués, sinalando que a causa é o contacto directo dun dos seus xogadores cun positivo en COVID19, concretamente un familiar directo.

"Por acordo entre os clubs e atendendo ás recomendacións dos servizos médicos de ambas as entidades, por precaución, tomouse a decisión de suspender", explica o Compostela.

O partido ía disputarse ás 18.00 horas deste mércores no Estadio Verónica Boquete de San Lázaro, sendo a segunda cita da pretempada para o Pontevedra tras a súa vitoria da fin de semana fronte ao Coruxo.

Neste caso o aprazamento vén derivado de que un xogador da SD Compostela tivo contacto cun familiar que este martes 22 de setembro deu positivo en  coronavirus. "O futbolista permanece illado no seu domicilio desde que o seu familiar presentou os primeiros síntomas, o xoves da semana pasada", sinala a entidade santiaguesa.

Aínda que existe tranquilidade no seo do Compostela e sinalan que "o partido se podería disputar", acordouse a suspensión por precaución tendo en conta que o inicio de liga está cada vez máis preto.

Sen este amigable, o segundo compromiso de preparación dos granates trasládase desta forma ao próximo sábado, cando teñen previsto visitar o estadio vigués de Barreiro para medirse ao Celta B.