Terceiro compromiso de pretempada e terceira vitoria para un Pontevedra Club de Fútbol que segue sumando sensacións positivas cara ao esperado regreso da Segunda División B dentro de dúas semanas.
Tras enfrontarse nos seus primeiros amigable a rivais da súa propia categoría como Coruxo e Celta B, nesta ocasión os granates medíanse a un equipo da Terceira División como o Estradense e nun escenario ben distinto, no céspede artificial do Novo Campo da Estrada.
Adaptarse a esta superficie tamén pode ser determinante na tempada, con dúas saídas a campos de herba sintética (Guijuelo e Unionistas de Salamanca), e o certo é que os de Jesús Ramos pareceron atoparlle pronto o punto ao choque.
O técnico apostou novamente por repartir minutos entre os futbolistas do plantel, sen homes importantes como Charles e Rufo no once inicial pero cunha formación competitiva formada por Álvaro Cortés, Aitor Núñez, Churre, Pol Bueso, Álex González, Imanol, Adrián Cruz, Borja Martínez, Oier Calvillo, Jorge Fernández e Samu Vilariño como home máis adiantado.
Só transcorreran 4 minutos de xogo cando Oier Calvillo adiantaba o Pontevedra nun lanzamento de falta directa. O primeiro tanto co seu novo equipo dun das fichaxes de verán dos que se espera moito en Pasarón.
Así se chegaría ao descanso e ao tempo de dar entrada a xogadores de refresco.
En canto á segunda metade, os granates seguiron controlando o encontro e aproveitaron unha das súas ocasións para sentenciar. Foi xa no tramo final, grazas ao 0-2 logrado polo canteirán David Veiga.
O próximo test do Pontevedra non se fará esperar demasiado, e é que este sábado 3 de outubro (12.00 horas) mediranse á UD Ourense tamén da Terceira División no Campo da Regueiriña (céspede natural), na localidade ourensá de Cenlle.