Pasarón tamén xoga ante a Arandina

Pontevedra
02 de maio 2017

O Pontevedra anunciou unha serie de promocións e prezos especiais para o choque do próximo sábado (20:00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón, no que se consegue gañar clasificarase matematicamente para o play-off de ascenso a Segunda División

Bancada de Pasarón durante o Pontevedra-Coruxo Diego Torrado

A un partido está o Pontevedra Club de Fútbol de asegurar matematicamente a súa presenza no play-off de ascenso a Segunda División, cando restan só dúas xornadas para o final da liga regular.

Os granates non queren deixar pasar a oportunidade de pechar canto antes a súa presenza na fase de ascenso, o que conseguiría cun triunfo o vindeiro sábado (20:00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón ante o Arandina, un equipo que non se xogará nada tras certificar o seu descenso a pasada fin de semana.

O club pontevedrés quere que o público Pasarón axude ao seu equipo para asegurar esa cuarta praza, e por iso deu a coñecer unha serie de accións promocionais coas que tentarán que se rexistre unha boa entrada no estadio pese ao cambio de horario con respecto ao habitual de boa parte da tempada.

A principal medida será que os socios poderán retirar de balde dúas invitacións da súa mesma bancada para acompañantes, tendo que adquirilas anticipadamente nas oficinas do club ata as 19:00 horas do venres.

Ademais os prezos das entradas para o público xeral foron rebaixados notablemente. Desta forma os afeccionados poderán acceder por 15 euros á bancada de Tribuna, 10 euros á de Preferencia e por 5 euros a calquera dos dous fondos. A entrada xuvenil e infantil manterase nos 5 e 3 euros respectivamente.

Por último o Pontevedra volverá entregar invitacións en varios centros escolares da comarca.